A proposta para o público é variada: clásicos, coches de competición, tuning, 4×4 para aventuras, caravaning, quads e motos, sen esquecer a moda, a náutica deportiva e espazos para os nenos e as nenas.
«Somos o único ‘motor show’ que queda vivo neste tipo de salóns», explicou este venres Joaquín Portabales, xerente da feira, que agradeceu o apoio do Concello de Vigo e o do Grupo Salco, patrocinador do campionato internacional de drift, «por vez primeira con oito pilotos».
A organización confirmou que Pablo e Gelete, fillos de Ángel Nieto, estarán en Vigo «porque queren celebrar con nós esta homenaxe que lle queremos brindar ao campión», indicou Portabales. Nieto faleceu no verán de 2017. Aprovéitase este ano por ser a edición 12+1, como o número de títulos mundiais de velocidade).
A presentación do salón, celebrada este venres, tamén contou coa asistencia do concelleiro de Deportes, Manel Fernández, de Agustín Salinas, xerente do Grupo Salco, e dos pilotos de drift Martín Nos e o luso Marco Martins, quen manifestou que «veño a representar a Portugal e a miña paixón son os coches, polo que vou contribuír a que a festa do drift sexa mellor e máis visible».