O candidato nacionalista á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, declarou que a súa formación ten «unha enorme preocupación pola situación límite que está atravesando o estaleiro, un dos máis emblemáticos e históricos da nosa cidade».
Igrexas considera que a situación é insostible e demanda que a Xunta ten que poñer os medios para solucionala. «Vimos de presenciar o enésimo expediente de regulación de emprego e hai unha falta de financiamento que está a ameazar a continuidade da actividade de Vulcano e do seu plantel sen que ninguén faga nada», denuncia.
Insiste Igrexas en que a cidade enfronta unha situación de desemprego insostíbel e que a falla dunha verdadeira política industrial a nivel galego imposibilita o crecemento da actividade. «Volvemos constatar, máis unha vez, que ante a desertización industrial e produtiva que está a padecer a nosa comarca, a actitude da Xunta é ollar para outro lado», di.
Ante esta situación crítica a fronte nacionalista solicitou unha xuntanza coa representación sindical do persoal da factoría. «Temos previsto manter unha xuntanza co Comité de Empresa de Vulcano co obxecto de poñer en común a análise da situación que atravesa o estaleiro e as alternativas», explicou Igrexas. O encontro materializarase nos próximos días.