“Este informe -matiza Rubén Pérez-, de feito, non é o que solicitamos. Este non é o informe ao que dun xeito vehemente facía referencia o alcalde cando afirmaba que as gradas estaban en perfecto estado, porque, para comezar, este informe non existía. O que si constan nel son as referencias aos devanditos informes, usadas ademais para argumentar as conclusións, nas que veñen afirmar que a infraestrutura está apta para o servizo. Conclusións, para nós, a todas luces insuficientes”.
Ademais, Marea de Vigo criticou a falta de claridade que cre que se está a dar no relativo á aplicación do actual convenio en vigor, que ao seu xuízo foi incumpridopor ambas partes malia servir de “referencia para a totalidade das obras que se realicen” en Balaídos.
“De non ser posible que a interpretación dos acordos asinados polas dúas partes se concrete, ou ben deben xudicializarse e as partes recoñecerse nas conclusións dos tribunais, ou ben se debe concretar un novo convenio tanto para as obras que restan como para o uso concesional do estadio. Mediante misivas e avisos nos medios está claro que non hai solución posible”, engade Rubén Pérez.
Investimento nas obras
Marea de Vigo segue a considerar como primordial que a solución da concesión a 25-30 ou 50 anos permita ao Celta aportar recursos á administración local e amortizar nun prazo moi vantaxoso os recursos públicos que se aportan dende Concello e Deputación para a reforma do actual Estadio. “O retorno ás arcas públicas da explotación do uso do estadio, dos aparcadoiros e dos baixos comerciais, de acordarse esta fórmula ten que ser innegociable, xa que falamos dunha infraestrutura pública en réxime de usufruto único por parte dunha Sociedade Anónima Deportiva”.
Do mesmo xeito, o partido entende que un novo convenio ou un modelo de concesión administrativa con cláusulas económicas diferentes ao actual evitaría que a evidente necesaria reparación do Estadio Municipal de Balaídos sexa entendida por unha parte importante da poboación como un agravio económico nun tempo de crise na que os clubs privados de fútbol moven millóns de euros procedentes de múltiples ámbitos”, subliña Pérez.
De concretarse a fórmula da concesión administrativa, Marea de Vigo tamén afirma que os recursos que actualmente está derivando a Deputación de Pontevedra á reforma do Estadio de Balaídos deberían orientarse á urxente reparación das instalacións e pistas de atletismo de Balaídos, en estado actual de case abandono.