O goberno de Vigo, que prevé aprobar a resolución esta mesma semana e iniciar así o abono dos pagos aos beneficiarios, concede un total de 1.937 axudas para gastos de alimentación por valor de 459.000 euros, que se trasladan aos beneficiarios a través da «tarxeta da dignidade», en verbas do alcalde, unha tarxeta tipo bancaria cargada co importe que corresponda. Ademais, o Concello da outras 1.937 axudas para facerse cargo dos gastos de electricidade e gas, por importe total de 303.000 euros.
O último dos conceptos da convocatoria é a vivenda. Neste capítulo, informou Caballero, o Concello adica 858.000 euros para un total de 1.737 axudas, das que 1.631 son para mensualidades de aluguer e outras 106, para cotas hipotecarias.
Na comparativa co ano pasado, os apoios concedidos ás familias que o precisan en materia de alimentación e enerxía permanecen estables, segundo revelou Abel Caballero, mais existe un incremento «significativo» este 2018 nos apoios dados polo Concello para pagos de vivenda: 1.454 o pasado ano polas 1.737 do presente.
«Aínda seguimos pagando un número elevadísimo de alugueres e hipotecas a familias que non poden facerlle fronte», asegurou o alcalde, quen subliñou que este programa, coñecido popularmente como «cheque social», existe únicamente no Concello de Vigo.