A solución chega tras 24 días de parálise total da produción. A empresa comprométese a ingresar este xoves a todo o persoal 700 euros liñais a conta da nómina de agosto. No suposto de que a cantidade non chegase á contía total do salario, a diferencia sería abonada en canto se realizasen as nóminas do mes. No caso contrario, que a superase, descontaríase do que correspondese da extra de xullo de 2018.
Con respecto a esta extra, a data límite para o pago sería o 15 de outubro, mentres que o salario de setembro tería que ingresarse como máximo o día 10 de outubro. Se non cumpre este último prazo, a empresa aceptaría como penalización o abono de todos os conceptos salariais correspondentes a cinco días para todo o persoal. A dirección asume a obriga, así mesmo, de ingresar as mensualidades antes do día 10 do mes seguinte.
Por último, segundo informa o sindicato CIG, a empresa renuncia a sancións ou descontos salariais pola situación laboral dos días 21 e 22 de agosto.
Avances de cara ao convenio
O acordo contempla tamén o desbloqueo das negociacións do convenio de empresa, pactando a apertura da mesa durante o mes de outubro. Como primeira medida, páctase unha suba salarial do 3% para 2018, efectiva a partir do 1 de xaneiro de 2019.
O importe dos atrasos a abonar será do 1% por 12 mensualidades, que serán prorrateadas nos salarios de 2019. Ademais, incorporaranse á negociación todos os acordos existentes da anterior mesa negociadora. En marzo de 2019 negociaranse as táboas salariais dese ano, tendo en conta a situación da empresa.
Mantemento do traballo
Maderas Iglesias comprométese, tamén, a manter o emprego ata novembro de 2019, desistindo de despedimentos colectivos ou individuais por causas obxectivas.
O acordo contempla, non obstante, que calquera traballador que queira extinguir voluntariamente a relación laboral e que o comunique á empresa durante outubro do ano vixente terá o mesmo tratamento que os acollidos ao ERE de xuño de 2018.
Satisfacción contida
Desde o comité de empresa valoran este acordo como a superación dun novo obstáculo por parte do persoal, mais sinalando, porén, que é unha solución temporal á espera dun plan de viabilidade e de investimentos que garantan un futuro para a actividade.
Neste sentido, continúan demandando unha plena implicación da administración, en particular da Consellaría de Economía e Industria, á que convidan a “cumprir os compromisos adquiridos en prol do mantemento do emprego”.