O Concello non modificará no 2019 os importes do IBI, IAE, Construccións nin do imposto de circulación. Ademais, rebaixará noutro 10% o imposto de circulación para as motocicletas de máis de 125 centímetros cúbicos, a cuarta rebaixa consecutiva para as motos, que abonarán o ano próximo un 40% menos que no 2015 neste concepto. A mesma conxelación aplicará á auga, lixo, zona azul e expedición de documentos.
Por último, o goberno vigués ofrece máis facilidades de pago de cara ao próximo ano. Amplíanse os supostos que se poden acoller ao sistema de ‘Conta Fácil 10’, fraccionando o pago en mensualidades, e tamén se amplía o prazo de pago -de tres a doce meses- dos aprazamentos ou fraccionamentos.
As ordenanzas foron aprobadas pola Corporación cos únicos votos favorables do goberno de Vigo. A oposición (PP e Marea) votou en contra.
Debate
Marea reclamou «subir impostos á especulación» e duplicar a taxa por ocupación de vía pública que abonan os bancos polos caixeiros automáticos, tamén que a igrexa abone o IBI polas súas propiedades que non sexa de culto, gravar ás vivendas baleiras e sen consumos durante alo menos dous anos e unha rebaixa progresiva do imposto de rodaxe segundo os cabalos do vehículo.
O PP, pola súa banda, asegurou que o Concello perde a «oportunidade» de rebaixar impostos aos vigueses -propuxeron un descenso lineal do 5%- e denunciou que a carga subiu un 23% desde 2007 mentres que o IPC o fixo nun 16%.
Execución orzamentaria
Tamén en materia económica, a Corporación tomou coñecemento do estado de execución do orzamento no segundo trimestre do presente ano.
Os grupos da oposición censuraron unha execución no primeiro semestre do 7% dos investimentos programados, mentres que o concelleiro de Facenda replicou que o gasto xa autorizado nos seis primeiros meses foi de 161 millóns de euros: «á metade do ano, a metade do orzamento estase executando», asegurou.