Neste proxecto de ordenación e xestión de accesos, habilitarase un espazo que actuará coma centro de recepción aos milleiros de visitantes que cada ano acoden ao Monte Santa Trega, dignificando o acceso a este espazo, contando cunha zona de aparcamento e aseos.
Este proxecto repercutirá na posta en valor da Citania de Santa Trega e o seu entorno, un ben patrimonial de gran interese turístico, o que permitirá e dará pé a un novo sistema de xestión do monte, coa posibilidade de introducir un transporte lanzadeira colectivo para a subida ao Trega dos visitantes, ademais de enlazar cos sendeiros existentes para o acceso a pé.
A execución deste proxecto realizarase en varias fases, sendo esta primeira na cal se preparará e acondicionará o terreo, cunha pavimentación especial para a redución da velocidade dos vehículos así coma a creación dos tres módulos contemplados (control e peaxe, recepción de visitantes e aseos).
Nunha segunda fase, construirase a peza crave do proxecto, o módulo de porta e nunha terceira as ampliacións e modificacións precisas no trazado da vía de acceso rodado.
En total, o espazo de edificacións comprenden unha superficie de máis de 600 metros cadrados, baixo as directrices do proxecto redactado polo Arquitecto Mauro Lomba Martínez.