Gustavo Veloso, un dos responsables da organización, lembra que a competición comezou “de xeito humilde” pero cunha idea que funciona. “En agosto un deportista de crossfit non está no seu mellor momento de forma física porque xa témolo competindo, pero ao darlle forma social e turística campionato a xente anímase máis”.
Así, o evento converteuse nunha cita deportiva e turística a partes iguais. “Aos atletas encantoulles a cidade, a comida, o clima e a competición”. E quédanse da orde de catro a seis días coa familia.
Este ano a inscrición estaba pensada para medio milleiro de participantes pero diante da avalancha de solicitudes (1.500), a organización optou por ampliar a cota de equipos inscritos na fase previa, é dicir, “a metade dos que se apuntaron”.
Outra novidade é a incorporación do trail, en Fragoselo e co visto bo da comunidade de Montes. Serán “catro ou cinco quilómetros; que xa se fan bastante duros cos desniveis que ten”. O reto de Veloso é “tentar facelo ben. Quero que sexa o mellor Campionato de Europa”, dixo, para traer 1.000 atletas en 2019.
O crossfit é un tipo de adestramento intenso e variado. Os participantes terán que nadar, correr, saltar, facer exercicios de halterofilia, de ximnasia… Esta disciplina nútrese especialmente do atletismo, ximnasia, halterofilia e natación.
O venres 3 comezará a competición no campo de fútbol de Samil con probas ás 12:00 e ás 16:00 horas, o sábado ás 8:00 horas estarán nadando na praia e ás 11:00 e ás 15:00 horas competindo de novo no complexo. E o domingo, o trail ás 8:00 e as finais no campo de fútbol ás 11:00 horas.