Este 29 de xuño cumpríronse tres anos da apertura oficial das portas do novo hospital, coa chegada do primeiro paciente ao servizo de Diálise. Un aniversario no que se quixo lembrar ao escritor galego que dá nome ao centro sanitario.
Así, os actos oficiais comezaron cunha conferencia do catedrático de Microbioloxía da Universidade de Valladolid, José María Eirós, baixo o título “A medicina popular na obra de Cunqueiro”. O microbiólogo, experto na obra o escritor mindoniense e nado na mesma localidade lucense, fixo un repaso ás referencias sobre este aspecto nos libros do xenial escritor galego. “O tratamento que fai Cunqueiro da medicina popular é absolutamente xenial”, expresou durante a intervención. Eirós suliñou que “Cunqueiro é un mestre para os médicos; vía ao paciente como un todo”.
Unha conferencia á que asistiu o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, en representación das institucións galegas, que estivo acompañado polo xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, e polo fillo do egrexio escritor galego, César Cunqueiro.
Homenaxe aos máis pequenos
Pola tarde celebrouse o que vén sendo xa atradicional homenaxe aos nenos nacidos no hospital vigués desde que abriu a área materna infantil, no mes de setembro de 2015.
Ao acto asistiu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que fixo referencia á importancia das cifras da natalidade alcanzadas no hospital vigués, con 10.452 nacementos en tres anos, e subliñou que “a mellor maneira de celebrar os aniversarios é homenaxear aos que naceron neste hospital”, á vez que remarcou a importancia do CHUVI como centro de referencia en Galicia para o tratamento dos embarazos con maiores complicacións.
Cada un do máis de medio centenar de nenos e nenas que estiveron no acto recibiu un agasallo como recordo da celebración. Entre eles, Sheila e Andrea, as dos primeiras bebés que naceron no Álvaro Cunqueiro o 25 de setembro de 2015, e Adrián, o bebé número 10.000, que naceu no hospital o pasado 16 de maio.
O conselleiro e o xerente da EOXI de Vigo, en compañía dos pequenos e os seus pais, sopraron as tres velas do aniversario sobre a torta elaborada para o acto.