A Consellería de Medio Ambiente tamén demanda á Xerencia de Urbanismo unha aclaración da situación actual deste contrato, xa que o Concello de Vigo propón modificacións que implican un substancial incremento económico respecto do que establece o convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Vigo.
Tal e como explican no escrito enviado á Consellería, a decisión tomada pola Xerencia de Urbanismo de Vigo concrétase en separar o obxecto do contrato en dous lotes, un para a actualización cartográfica e outro lote, para a revisión do plan xeral, cuxo custe estimado ascende a 2,38 millóns de euros. É dicir, o novo orzamento previsto para a redacción do PXOM supón un incremento dun 80 por cento sobre o importe establecido no convenio de colaboración (1,33 millóns de euros) asinado en 2017 e case dun 100 por cento respecto do orzamento inicial do plan xeral aprobado en 2008 (1,20 millóns de euros).
A Consellería de Medio Ambiente tamén demanda unha aclaración para analizar este incremento de case un 100 por cento -respecto do custe do plan aprobado en 2008- e máis tendo en conta que- tal e como se afirmou en diversas ocasións desde o Concello de Vigo- o plan vai ser mantido en esencia.
Por último, desde a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio solicítase ao Concello de Vigo a achega de documentación xustificativa que clarifique o obxecto e a base do novo contrato, de cara poder proceder a avaliar a terceira solicitude de financiamento interesada polo Concello.