O rexedor avanzou este mércores que Vigo reclamará achegas para o seu aeroporto por valor de máis de 20 millóns, a «débeda histórica» que a Xunta ten con Peinador tras moitos anos de outorgar axudas ás terminais de A Coruña e Santiago.
O día antes do Comité de Coordinación Aeroportuario -«que só se convoca cando a Vigo lle van ben os datos»-, dixo, Caballero alertou de que «perderá o tempo aquel que se opoña ao plan de recuperación e potenciación do aeroporto de Vigo». De feito, anunciou que en breve se realizará a contratación da renovación de conexións coa empresa que gañe o concurso que está en fase de licitación.
Tamén enfatizou o interese de Ryanair, TAP ou Binter por potenciar a súa presencia en Peinador porque descubriron que Vigo é un gran xerador de viaxeiros de transporte aéreo. «Ryanair quere potenciar a súa presenza no aeroporto de Vigo, é o exemplo de que as empresas ven futuro aquí», sinalou o rexedor.
Actualmente, Ryanair opera desde Vigo con Barcelona todo o ano (frecuencias L/M/Mi/J/V/S/D), con Milán do 25 de marzo ao 24 de outubro (D/MI), con Edimburgo do 28 de marzo ao 27 de octubre (Mi/S), con Bolonia do 26 de marzo ao 26 de outubro (L/V) e con Dublín do 25 de marzo ao 25 de outubro (J/D).
No novo concurso público xa convocado o Concello de Vigo busca potenciar novas rutas con Londres, París, Valencia e Sevilla. Ademais, agora mesmo Air Nostrum enlaza Vigo con Bilbao, Menorca, Ibiza, Mallorca, Valencia e Gran Canaria; con Vueling pódese viaxar a Barcelona; con Binter a Gran Canaria; con Iberia a Madrid; con Iberia Express a Tenerife Norte; con Air Europa a Madrid e, por último, coa TAP a Lisboa.