Con esta medida dáse un paso máis na recuperación da normalidade asistencial do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), que, tal e como se fixera público, irase recuperando paulatinamente, sempre condicionada polo principio que está a rexer todo este proceso: garantir as máximas condicións de seguridade.
Co obxecto de minimizar a repercusión asistencial derivada das incidencias na esterilización dos contedores de instrumental cirúrxico, continuarase realizando unha validación diaria da actividade cirúrxica programada, para manter intacta a cirurxía prevista en xornada de mañá, tal e como ten acontecido coa programación desta semana.
Avaliación técnica
Nestes momentos, os técnicos, coordinados polo servizo de Medicina Preventiva, están realizando unha segunda validación dos contedores, que serán sometidos a un novo reprocesamento de esterilización –seguindo as especificacións do equipo técnico-; mentres que outros contedores serán analizados pola propia empresa provedora para avanzar na súa potencial recuperación.
Para compensar este efecto, inícianse os trámites do procedemento da licitación deste primeiro lote de 218 contedores grandes pola “vía de urxencia”.
A Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo comunicou este venres que continúa coas medidas adoptadas para asegurar a correcta esterilización do instrumental, entre elas, o mantemento dos reforzos de persoal na Central de Esterilización.
Desde a dirección quixeron reiterar o agradecemento aos profesionais, tanto da Central de Esterilización como aos cirúrxicos, pola profesionalidade e o compromiso demostrado en aras de unir esforzos na busca de solucións alternativas que permitiran minimizar a repercusión asistencial desta incidencia.