Aínda que o rexedor non deu detalles do contido desas aclaracións por “deferencia” ao maxistrado, deixou entrever que o consistorio quere saber se a supresión das restricións inclúen aos beneficiarios pensionistas, que teñen un desconto do cen por cen no billete de Vitrasa. Este colectivo sería pois o que máis custo económico xeraría ao Concello. Así, presentarase un escrito solicitando que aclare diversos puntos sobre o auto emitido o pasado mércores.
O alcalde tamén quixo mostrar o seu apoio a todos os concellos que bonifican aos seus cidadáns no transporte público. «Os concellos fan o que teñen que facer, eu o apoio porque creo que teñen razón os concellos, opinan o mesmo que eu, opinan o mesmo que Vigo, pero cando o fai Vigo aplícase a lei e se para, esa é a cuestión», sinalou o rexedor.
Caballero mostrou nunha comparecencia ante os medios as normativas, unha a unha, do resto das cidades galegas, como as da Coruña, Ourense, Santiago e Lugo -Pontevedra non ten transporte urbano e Ferrol non aplica descontos-, sobre o transporte para demostrar que en todos os casos hai bonificacións. «Os outros concellos non están nesta situación, ao que se lle acaba de obrigar a pagar autobuses, incluso bonos sociais, incluso gratuidade total é a Vigo, a Coruña non, a Ourense non, aos outros non, a Vigo si, porque como é natural ninguén recorreu en contra dos restos, porque creemos que teñen razón», sinalou Caballero.
O rexedor insistiu en que apoia aos concellos que dan axudas porque «teñen razón» e asegurou que «comparto o que din» as súas ordenanzas. «Como non vou a compartir é o dereito a facer a súa política municipal cos seus cidadáns, claro que si. Cando me preguntan se vou recorrer o de Mos, por suposto que non», engadiu.
Caballero criticou as declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, cando dixo que o auto xudicial «é moi positivo para Vigo». O alcalde sinalou que «Feijóo considera bo para a cidade que paguemos centos de miles de euros, esta é a filosofía de Feijóo, o explica moi ben, é a mellor frase desde que goberna a Xunta, porque el considera que non é bo para Vigo que a Xunta pague, non, considera bo que Vigo pague o que non lle corresponde».