O proxecto está configurado para crecer a medida que aparezan novos títulos e está configurado coma un traballo colectivo no que calquera cidadán poida colaborar incorporando obras que quedaron atrás na súa primeira posta en escena.
Consta da realización dun mapa, que emula aos de metro das grandes cidades, con dez liñas que atravesan en todas direccións a cidade e que van deténdose nas diferentes «Paradas Literarias», que teñen o nome das novelas que dalgún xeito están vinculadas a ese lugar. Toda esta información, ademais dunha bibliografía completa, están dispoñibles na páxina web mapaliterariodevigo.com.
Lugares coma a Porta do Sol co Sireno son testemuña de moitos acontecementos das nosas vidas e das historias de ficción que recollen estas obras. O barrio de Teis e a xeración perdida das revoltas obreiras, o Berbés coma recordo das tradicións viguesas, as rúas e as prazas ata o alto do Casco Vello ou o Calvario como reflexo de unión entre a veciñanza.
As rutas están protagonizadas por autores como Julio Verne e Pedro Feijoo, pasando por Alfonso Álvarez Cáccamo, Ledicia Costas, Fran Alonso, María Reimóndez, Manuel Esteban, María Lado, Carlos G. Reigosa e unha decena máis de escritores que converteron a Vigo en protagonista das súas obras.
«Estamos ante unha magnífica e imaxinativa iniciativa para divulgar o libro e a cultura de Vigo», sinalou o alcalde, Abel Caballero, durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación antes de felicitar aos responsables do proxecto e ás editoriais da cidade como Xerais, Galaxia ou Elvira.