Regades explicou, con datos de 2016, que o 13,8% do volume contratado na administración municipal foi a través de contratos menores, unha cifra que se eleva ao 47,1% no caso da Xunta de Galicia. O goberno autonómico, engadiu, adxudicou o 97,05% dos contratos mediante este procedemento. Os datos ofrecidos proceden da Consellería de Facenda, extraídos do Rexistro Público de Contratos da Xunta de Galicia.
«Unha das fortalezas do goberno de Abel Caballero é a súa transparencia e a forma exemplar coa que fai a contratación», subliñou o segundo tenente de alcalde vigués, quen comparou tamén a xestión de Vigo coa doutros concellos. Así, Ourense ten 17 contratos «sen ningún tipo de control» -reparados polo interventor e a asesoría xurídica municipal- polos cero contratos de Vigo nesta situación, mentres que Ferrol ten 23 servizos «sen contrato», algo que tampoco acontece no Concello de Vigo.