O Concello de Vigo e a Federación Galega de Automobilismo acordaron recuperar para a cidade o Rally Rías Baixas, segundo informou este martes Abel Caballero. O alcalde avanzou que «seguramente» Samil acolla os boxes da proba e a saída, o día 11 de maio, terá lugar na rúa do Príncipe.
A cita formará parte do Campionato Galego e celebrarase os días 11 e 12 de maio, cunha participación estimada nuns 150 vehículos. Adiantou o alcalde que, na reunión, Goberno de Vigo e Federación Galega abordaron a recuperación «no futuro», de cara a próximas edicións, do tramo urbano vigués de subida ao monte do Castro.