As contas que foron este xoves a un Pleno Extraordinario serán ratificadas a semana que ven nunha nova xuntanza da Corporación, tempo que será necesario para incorporar as propostas, negociadas ata apenas dúas horas antes do comezo do Pleno e que “abren tamén unha marxe para intentar sumar aos oito concelleiros do Partido Popular”, segundo asegura García de la Torre.
A alcaldesa amosouse “moi satisfeita” polo feito de reeditar o apoio que tivo na sesión de investidura e recoñece e agradece a “actitude e a predisposición de Pedro Ocampo, Sabela Landín e Pedro Pereira para poder sacar adiante estas contas”.
García de la Torre, quen reitera que este acordo é froito dun traballo “moi intenso e prolongado”, sinala que o contido do novo orzamento é “realista”, con partidas “suficientemente dotadas para non ter que acudir a outras fórmulas, como os créditos extraordinarios” e, sobre todo, “fai posible que contemos con máis de 3 millóns que se dedicarán integramente a inversión para resolver moitos dos problemas que preocupan ás veciñas e veciños do Porriño”.
Estes tres millóns terán como destinos principais a extensión da rede municipal de saneamento ás parroquias; a mellora de camiños e estradas municipais; a realización dun estudo urbanístico, social e medio-ambiental, “moi polo miúdo”, en Torneiros; acometer una “moi necesaria e agardada” humanización de San Benito ou afrontar a regularización da situación de traballadores municipais e considerar una Oferta Pública de Emprego na medida que nos permita a lei.