Ao histórico inmoble do Palacete das Mendoza acudiu a concelleira de Cultura, María Iglesias, para presentar o evento, quen espera volver reunir a milleiros de persoas con motivo desta festa, declarada de interese turístico internacional.
Iglesias sinalou que a XXIII edición da Arribada será moi especial. “Este ano é o 525 aniversario da Arribada da Carabela Pinta á Real Vila de Baiona polo que desde a Concellería de Cultura está a traballarse incansablemente por presentar unha programación que non deixe indiferente a ninguén, que vai ser especial pola importancia da efeméride”.
O acto contou coa presenza da Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o deputado de Turismo Santos Héctor. Sobre a Arribada, Silva destacou “a súa capacidade para enxalzar a cultura e a historia ancestral da provincia de Pontevedra”.
Iglesias, convidou a todos os presentes e a todos os pontevedreses a achegarse a Baiona “para vivir un acontecemento espectacular e único que esperta emocións e estimula os sentidos, a maxia dunha vila que regresa ao Medievo”. A presentación finalizou cunha pequena degustación de doces típicos da Arribada entre os que se atopaban ñoclos de Pinzón, rosquillas e torta de Sarmiento.
A presidenta da Deputación de Pontevedra concluíu agradecendo o compromiso dos representantes políticos, “que fan un traballo extraordinario e son moi conscientes da importancia do turismo como un sector moi produtivo para fomentar o crecemento económico, o emprego, apostando polo turismo de calidade e a excelencia”.