Pola súa banda, Marcos Cal, deputado de En Marea no Parlamento galego, remarcou que «os beneficios que está tendo Audasa só se explican desde a conivencia político-empresarial, convertendo esta exención do IBI nun copago para a cidadanía dos municipios por onde pasa a autoestrada. Audasa está obtendo un 50% de beneficios sobre a facturación, cando a media do beneficio das empresas do país se sitúa no 7%».
Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, destacou que en Vigo a cuestión do IBI está en debate permanente, «mesmo no día de onte coñecíamos tamén a sentenza que lle da a razón a empresa concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro na cuestión da exención do imposto de bens inmobles, deixando ao Concello de Vigo sen poder cobrar case un millón de euros. Non é un hospital do Sergas, e neste caso, a pesar de que o terreo si pertence ao Sergas, o edificio, a infraestrutura non é pública senón que forma parte do patrimonio e da conta de resultados da UTE que xestiona o hospital. Polo que pedimos ao Concello de Vigo que recorra a sentenza».
Marea de Vigo considera que tanto o tramo da AP9 que pasa por Vigo, como o Hospital Álvaro Cunqueiro son dúas infraestruturas que non deberían ter exención no pago do IBI, repercutindo estes cartos nas contas do Concello de Vigo en lugar de nas empresas privadas que as xestionan.