A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves o convenio de colaboración coa institución provincial para a mellora das instalacións deportivas: «Isto é un suma e segue, é a nova dinámica de colaboración coa Deputación e a súa presenza activa en espazos de investimento na cidade», afirmou Abel Caballero.
O acordo supón a renovación do céspede sintético nun total de dez campos de fútbol, ademais do alumeado, cun investimento previsto de 2,9 millóns. Así mesmo, unha segunda liña de cooperación vai encamiñada á construción do pavillón da rúa Romil por un importe total de 2,1 millóns de euros. «Trátase de transformar en zona deportiva aquelas instalacións cochambrosas», apuntou o rexedor.
No proxecto tamén está incluída a renovación integral de dous pavillóns baixo a grada de Río por valor de 1,1 millóns, e a construción do pavillón de Quirós, por 2,9 millóns. «Son moi boas noticias para a cidade, porque significa que firmaremos un convenio por un total de 9,2 millóns, dos cales o Concello achega 3,6 e a Deputación un total de 5,2», engadiu Caballero.




















