Trátase dunha actuación na contorna de varios elementos recollidos no ámbito do plan especial de protección e reforma interior do casco histórico de Bouzas e, polo tanto, do patrimonio cultural de Galicia. Figura recollido no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e precisa da previa autorización da Consellería de Cultura.
A resolución, asinada o 15 de decembro, recolle que o proxecto para o que o Concello de Vigo solicita autorización conta co informe favorable dos servizos técnicos de Patrimonio de Pontevedra, aínda que con matizacións.
Entre elas, a obriga de manter os seus valores ambientais, de modo que os materiais e cores empregados no peche e nos elementos de xogo deberán ser coherentes co ámbito, intentando que sexan de madeira ou lacados en mate, evitando en todo caso aqueles que produzan destelos como o aceiro do tobogán.
A resolución anota que a norma recolle que deberá manterse preferentemente a estrutura e organización espacial, non producíndose neste caso ao ocupar o parque a totalidade do extremo norte da praza, cortando toda comunicación transversal.
A proposta do Concello contempla unha ampliación de 221 metros cadrados do parque infantil existente, que na actualidade ten 171 metros cadrados, e a urbanización de todo o conxunto. Segundo indica, disporase dun pavimento continuo amortecedor en cores simulando o fondo do mar, praia e zona verde. No perímetro proxéctase un peche de cores que amplía ao existente, con entradas puntuais.
Respecto a dotación de xogos, entre os que se citan un barco de madeira laminado, un carrusel inclusivo para cadeiras de rodas, paneis lúdicos ou columbios, apunta que no espazo central “deséñase un megafaro con luces como peza principal do parque, incluíndo xogos en nove niveis con dous megatobogáns”.
Unha proposta, ás dos elementos de xogo, que Patrimonio cuestiona por desmesurada. Menciona así, ao marxe da necesidade de harmonización de materiais e cores entre eles, o excesivo volume do conxunto de faro e tobogáns, que acada unha altura de 10 metros sobre as árbores e o palco da música, “o que supón a creación dun potente foco de atención sobre o conxunto, agravado pola colocación da luz na súa coroación”. En consecuencia, indica que “deberase minimizar o impacto deste elemento sobre o palco da música”.