Segundo informan os técnicos do servizo, en Vigo, Redondela, Soutomaior, Moaña e Salceda as análises do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia revelan que a auga segue sen reunir as condicións que garanten a súa calidade. Cómpre lembrar que a partir dos parámetros de 200 partes por billón (ppb) de ferro se deben adoptar medidas correctoras para recuperar a calidade aceptable para a autoridade sanitaria. A partir de 300 esas medidas deben ser de rápida aplicación.
As últimas analíticas realizadas polos técnicos das concesionarias encargadas do subministro municipal en Vigo, Moaña, Soutomaior e Redondela confirman que os valores de medición da calidade da auga permanecen estables aínda que co ferro por encima das 200 partes por billón. É o caso da rede de Canido e Sanjurjo Badía (Vigo), da de Quintela e San Esteban (Redondela), da rede de Salceda de Caselas (Consorcio do Louro), do deposito de Outeiro e Berducedo (Moaña) ou da rede de Coello e Cochón (Soutomaior). Todas elas superan as 300 ppb.
A Consellería manterá activos os seus controis cunha frecuencia máis elevada do habitual, malia que a competencia neste eido sexa dos concellos, que son os que deben garantir a calidade da auga e informar consecuentemente á autoridade sanitaria de calquera anomalía que detecte a concesionaria no subministro do servizo municipal. Ademais, insta ás concesionarias municipais a tomar medidas correctoras urxentes para baixar os indicadores en concordancia co que marca a normativa sanitaria
As mostras recollidas polos técnicos de Sanidade analízanse no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, único laboratorio público de referencia en materia de saúde e acreditado pola ENAC para a matriz de auga de consumo humano e os analitos, mediante unha PNT baseada na Norma UNE-EN ISO 17294-1.