«Tentando aglutinar elementos de acollida entre os máis mozos ofreceuse de xeito coordinado deporte, noite e solidariedade neste comezo da campaña de recollida de alimentos para as familias que atende Cáritas Parroquial de María Auxiliadora durante todo o ano. Cada participante, un quilo. Oxalá tamén cada espectador, un quilo”, afirman os organizadores.
Preto dunha vintena de equipos –un cento de participantes- foron inscribíndose de xeito dixital na plataforma habilitada ao efecto dentro da páxina web do Centro Xuvenil. A cota de inscrición é un quilo de alimentos por participante, convidando tamén a que se sumen á tal contribución solidaria ao público que veña animalos e acompañalos ao longo da noite.
A convocatoria e sorteo desenvolvéronse de xeito áxil, xa que menos dunha semana foi tempo máis que suficiente para podermos ver un seguimento máis que significativo da oferta presentada polas dúas entidades.
“Non sabíamos se ía ter acollida a oferta en concreto, por mor das datas e das pontes”, así se expresa o coordinador de baloncesto, Óscar Carbajo, na presentación da actividade. O mesmo responsable continuaba dicindo que “logo de diversas tentativas conseguimos darlle forma a este evento, encadrándoo no conxunto das demais actividades dos distintos equipos do clube”.
O Centro Xuvenil Abertal pretende, de novo, ofrecer espazos de lecer educativo, alternativo e transformador tamén para a contorna máis próxima, neste caso colaborando con Cáritas.