A primeira delas será este venres 1 coa presentación ás 18:30 horas no Espazo Libro de Culturgal, da publicación da tese de doutoramento de Fran Núñez, que analizou o impacto económico e social dos festivais a partir do caso concreto do Festival de Cans. O investigador traballou neste evento arredor de tres anos, nos que analizou en profundidade o funcionamento e o impacto. A tese, primeira en Galicia adicada a un festival de cine, será publicada próximamente por Agadic, e foi dirixida polo profesor da Universidade de Santiago (USC) Fuco Sangiao. Este traballo serviu para que o autor acadase o grado de doutor, despois de ter feito a súa exposición o pasado mes de maio, nun tribunal presidido polo catedrático de economía da USC Ánxel Vence.
A publicación da tese de doutoramento está promovida pola Axencia Galega de Industrias Culturais, e será o propio director da institución, Jacobo Sutil, quen presente este estudio en Culturgal acompañado do autor Fran Núñez, do director da tese o profesor Fuco Sangiao e de Juan Pablo González, coordinador de produción do Festival de Cans.
Nesta gran feira cultural, o Festival de Cans poñerá á venda a súa nova liña de merchandising co lema «Cine con Pedigrí». Todas as persoas que fagan en Culturgal unha compra superior a 5 euros entrarán nun sorteo para conseguir as dúas primeiras entradas para acudir á XV edición do Festival de Cans, cuxas datas serán anunciadas nas redes sociais ao longo desta mesma semana. En Culturgal poderán adquirirse tamén suadoiros co lema «Agroglamour» e diversos agasallos como tazas, camisolas ou pegatinas do festival. As persoas que visiten o stand recibirán o agasallo dun marcapáxinas deseñado especialmente para a ocasión, coas datas da XV edición, a celebrar en 2018.
Despois de Culturgal, todo este material poderá adquirirse na tenda online do Festival de Cans ou fisicamente na tenda infantil Tía Tata de O Porriño. As vendas de merchandising son unha das principais apostas de financiamento do festival, no seu esforzo por conseguir recursos propios máis alá da continua incertidume que cada ano supón o apoio das administracións públicas.