Baixo o lema «Imos baleirar as aulas para encher as rúas», estudantes do ensino medio e superior, convocados por Erguer, desenvolveron manifestacións e concentracións en 13 puntos de Galicia. A CIG apoiou esta mobilización ao compartir que se trata da lei «máis privatizadora, centralista e regresiva dos últimos 40 anos», en palabras do seu secretario nacional, Suso Bermello.
Tal e como lembrou Bermello, «o goberno do PP está a aplicar de facto esta lei coa complicidade da oposición en Madrid e falseando un debate arredor da súa paralización». «Non é certa esta parálise, a Lomce está plenamente vixente, agás no que ten a ver coas reválidas que se conseguiron eliminar pola enorme contestación social da comunidade educativa», engade Bermello aludindo a que no Congreso dos Deputados existe unha subcomisión que está tratando este tema.
«Agás por algunha información na prensa, non sabemos nada do que aí se está a debater e que parece que vai máis na liña de elaborar un Pacto Educativo que afiance as políticas neoliberais do Partido Popular e dos seus socios de Cidadáns na educación que por poñer en cuestión os aspectos recollidos na Lomce». «Por todo isto esta mobilización estudantil está máis que xustificada e entendemos como moi positiva que a mocidade se active contra a involución que a Lomce representa», subliñou.
Lei Galega de Educación
Outra das reivindicacións que motivaron a convocatoria desta folga é a esixencia ao goberno da Xunta de que impulse a elaboración dunha Lei Galega de Educación que protexa a nosa lingua e a nosa cultura tanto no currículo académico como de forma transversal.
A CIG-Ensino apoia tamén esta reclamación para que o deseño dos plans educativos se adapten á nosa realidade socio-económica en todos os niveis, tanto en Primaria e Secundaria, con especial atención á dispersión poboacional, como en FP e na Universidade, nos que é preciso ter en conta o perfil do alumnado, as contornas xeográficas dos centros e o contexto socio-laboral e produtivo galego.
«Pero a convocatoria de folga vai máis aló da Lomce ou do Decreto do 3+2 nas Universidades. Os sucesivos recortes e o desprezo cara a toda a comunidade educativa que veñen realizando os gobernos da Xunta e de Madrid no ensino galego nos últimos anos tamén están enriba da mesa como causas deste paro estudantil», apunta a CIG.