Por vez primeira, Vigo recibe unha competición oficial de enganches, que é o manexo dun tiro de cabalos enganchados a un carruaje. Caballero anunciou que a entrada será gratuíta e recomendou á cidadanía que acuda, especialmente «a quen lle guste o que ten que ver con todas as facetas da hípica».
O Club Hípico Vigo organizou a final da Copa Galega, que comezará ás 16:00 horas en tres modalidades: limoneras (cun cabalo), troncos (con dous cabalos) e libre. Participarán os quince mellores competidores do circuíto galego de enganches (a Copa Galega), que disputou ata agora seis probas dende xuño entre as provincias de Ourense e Pontevedra e que en Vigo pecha a tempada galega.
O Club Hípico Vigo tamén programou unha segunda xornada, o Trofeo Cidade de Vigo, o domingo 12 ás 11:30 horas, para dar maior aliciente aos participantes que se desprazaron dende toda Galicia. É de inscrición aberta. «Dende hai dous anos o nivel de participación no enganche foi impresionante», explicou Ramón Fernández, presidente do comité organizador.
Ademais, a organización complementou a competición oficial cun torneo de horseball o sábado (19:30 horas) e un bautismo hípico para nenos e nenas o domingo e un mercado tradicional os dous días e unha actuación musical o sábado do grupo La Patrulla (22:00 horas).
«Somos un club novo e o noso deporte principal é o horseball», manifestou Miguel Rosales, presidente da entidade, que explicou que é «baloncesto a cabalo» cun 80% de deportistas femininas e que é «moi dinámico e vistoso».
José Manuel Costas, o máis veterano nas lides organizativas, falou da empatía de Vigo e o enganche: «Unha vez coñécelos, enganchan».




















