Guzmán rodou este documental en novembro de 2002, xusto cando aconteceu o afundimento do buque. Naquel momento, e sendo só coñecido como actor por papeis en diversas series de televisión, decidiu desprazarse a Galicia cunha cámara e vivir de primeira man ese momento histórico que se recolle neste documental que reflicte a impotencia que senten os seus protagonistas á hora de enfrontarse ao chapapote.
Eses momentos de rabia adquiren unha nova dimensión se cadra 15 anos despois, onde as vivencias que se relatan nunca deixaron de estar de actualidade. No documental aparecen testemuñas de coñecidos escritores como Manuel Rivas e Suso de Toro, de músicos como Julián Hernández, artistas como o Gran Wyoming, mais tamén as reflexións de mariñeiros ou mariscadoras, nalgúns momentos moi enfrontados polas discrepancias á hora de afrontar esta catástrofe ecolóxica. Igualmente, reflíctense momentos de moita tensión con diversos políticos que visitaron algúns dos lugares afectados.
Durante 15 anos o documental estivo gardado nun caixón porque ningunha televisión mostrou interese en mercalo, ata que o Festival de Cans o sacou á luz no pasado mes de maio. Foi tal a expectación que levantou, que as entradas esgotáronse desde varios días antes e moitas persoas non puideron velo, motivo polo cal agora o Festival de Cans, xunto co Cine Club Rebobina, recupera este filme para o ciclo ‘Cans todo o ano’.
As entradas xa están á venda ó prezo de 4,5 euros na mesma Sala Ingrávida ou na plataforma de venda online www.ticketea.com.