A posta en marcha deste grupo foi aprobada no mes de setembro no último Pleno da Comisión Galega de Protección Civil, onde no marco do cumprimento dun dos compromisos adquiridos na Comisión Galega de Cooperación Local, acordouse a creación dun Grupo de Traballo que afrontase os traballos de mellora do mapa de emerxencias de Galicia cos obxectivos de acadar un maior grado de cobertura, tanto do territorio como da poboación, para optimizar os tempos de resposta, tendo entre as súas funcións a organización e mellora da coordinación en materia de emerxencias, organización e financiamento dos Consorcios de extinción de incendios e salvamento e dos GES, así como a coordinación das diferentes administracións no financiamento da protección civil e atención ás emerxencias.
A xestión de emerxencias dunha forma eficaz implica a participación de diversos actores e institucións, e a coordinación resulta imprescindible para afrontar as emerxencias. Nos últimos anos téñense producido grandes avances: incrementouse o equipamento para as emerxencias cun investimento nos dous últimos anos que superou os 22 millóns de euros; e puxéronse en marcha máis parques de bombeiros e máis Grupos de Emerxencias Supramunicipais, dando así unha mellor resposta á cidadanía.
Seguindo con esta liña de mellora continua nun eido tan importante como son as emerxencias na nosa comunidade, a Xunta lidera este proceso, pero ao mesmo tempo pide que cada Administración sexa responsable coas súas competencias, xa que para os concellos de menos de 20.000 habitantes, o responsable da xestión das emerxencias é a Deputación correspondente.
O Goberno galego sempre manifestou o seu compromiso coa prestación dun servizo tan fundamental para os cidadáns, polo que segue na senda de reforzalo ano tras ano, e así o reflicten os orzamentos para o ano que vén, que contan cunha partida de 1,7 millóns para abordar a comarcalización dos parques de bombeiros das cidades e para a homoxeneización salarial do servizo dos consorcios provinciais.
Ademais, no seo da reunión, o Goberno galego indicou que continúa na procura do máximo consenso entre todos para homoxeneizar as condicións dos traballadores dos parques de bombeiros de toda Galicia, logrando progresivamente a equiparación salarial de todos os bombeiros comarcais. Ao mesmo tempo, a Xunta segue agardando os pasos a dar para o cambio de modelo na xestión dos parques de bombeiros, xa que aínda non se pronunciaron as Deputacións.