A protesta enmárcase nas accións previas á convocatoria de folga xeral no Sergas os vindeiros días 2 e 3 de novembro. A representación dos empregados públicos logrou arrincar o compromiso dunha xuntanza co departamento autonómico, que terá lugar o venres, tras ocupar simbolicamente o edificio do Sergas en Vigo.
No caso de Vigo, a acción reivindicativa, na que participou a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, consistiu na ocupación simbólica do edificio administrativo do Sergas, situado na rúa García Barbón, 51, onde a representación dos traballadores/as accedeu ao interior do inmoble e despregou unha faixa por unha das fiestras anunciando as dúas xornadas de folga dos vindeiros días 2 e 3 de novembro.
Unha vez no sexto andar, onde se ubica a Dirección de Recursos Humanos da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, solicitaron unha xuntanza coa súa responsable para reclamarlle a convocatoria dunha reunión coa Consellaría de Sanidade.
Segundo confirman dende a CIG-Saúde, o encontro con responsábeis do departamento autonómico terá lugar este mesmo venres en Santiago. A continuación, por volta das 13:30 horas, abandonaron o edificio, no que permaneceron por espazo dunha hora berrando consignas a prol da recuperación de dereitos e da folga prevista para o mes que vén.
Previamente á ocupación do inmoble, arredor das 11:00 horas, un grupo de traballadores/as e delegados/as sindicais da sanidade desenvolveran unha concnetración ás portas do hospital Nicolás Peña.
Sen partida orzamentaria
Dende a federación sinalan que na reunión celebrada o pasado xoves coa administración, a directora de Recurso Humanos do Sergas ofreceu negociar coas organizacións sindicais temas que non comporten incrementos retributivos, tales como a permisos e licencias, que até agora a Consellaría tamén se negaba a negociar. «Mais iso si, apuntan, sempre que non reclamemos que os días 24 e 31 de decembro teñan a consideración de festivo como no resto da Xunta de Galiza».