Vázquez Mourelle explicou que se trata dunha actuación moi completa que ademais de incrementar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade neste treito da estrada, supón a mellora de todo o contorno, dotando aos veciños e aos visitantes dun novo espazo para o desfrute.
Na travesía de Baiona, a actuación proxectada recolle a mellora do firme e a execución dunha nova glorieta para mellorar o acceso á lonxa e ao porto deportivo. Os traballos de reparación do firme nun treito de 3 km xa se acometeron antes do verán, pero no mes de xullo, atendendo a solicitude do concello, suspendéronse temporalmente as obras para evitar afeccións ao tráfico na época que este municipio rexistra a maior afluencia de turistas.
A comezos de outubro retomáronse as obras de construción da nova glorieta para favorecer as entradas e as saídas ás instalacións da lonxa e do porto deportivo desde a estrada autonómica e conseguir unha reordenación do tráfico na travesía, ao permitir realizar a manobra de cambio de sentido con total seguridade.
Este proxecto tamén contempla a ampliación dun treito da estrada para acondicionar unha zona destinada a paradas de taxis e de autobús, mantendo a continuidade co itinerario peonil e ciclista existente e construíndo zonas de estancia e recreo para os viandantes. Renovarase o alumeado público e colocaranse novos puntos de luz e dotarase o espazo de mobiliario urbano e zonas axardinadas.
Sendas peonís e ciclistas
A titular de Infraestruturas indicou que paralelamente tamén se está a avanzar na execución dunha senda peonil e ciclista nesta mesma estrada, na PO-552, concretamente, a do Paseo Marítimo, ao longo dun treito de 250 metros. Para isto aprovéitase o paseo xa existente, parte da beiravía e da plataforma adoquinada que se atopa a un nivel superior, para construír un novo itinerario, pola marxe dereita da estrada, que permita dividir o tráfico peonil e ciclista.
Estes traballos, aos que se destinan preto de 184.000 euros, iniciáronse a comezos do mes de outubro e estarán rematados antes de finais de ano. Esta senda, xunto coa proxectada no treito da praia de Santa Marta, en cuxo proxecto se está a traballar para adecualo ás especiais características da zona para minimizar o seu impacto, dará continuidade ao carril bici existente.
Ambos os dous itinerarios están recollidos no Plan de Sendas de Galicia que, no caso concreto da comarca de Vigo prevé a execución de 11 sendas peonís e ciclistas ao longo de 12 km que supoñen un investimento de 5 millóns de euros.
Ethel Vázquez subliñou que os Orzamentos da Xunta de 2018, aprobados no Consello do pasado xoves, recollen unha partida que se achega a 1 millóns de euros, permitirán continuar co desenvolvemento destes itinerarios.