Dende a Confederación Intersindical Galega (CIG) denuncian que o GES do Val Miñor carece dende hai dez anos dun convenio colectivo que regule os dereitos laborais do cadro de persoal, tendo que aturar unhas condicións salariais e materiais de absoluta precariedade.
Así, critican que as nóminas rondan os 850 euros ao mes e que os vehículos que usan para desprazarse e para apagar o lume, así como as ferramentas utilizadas para a excarcelación de persoas se atopan en mal estado.
Diante disto, optaron por convocar unha serie de protestas para reclamarlle á Mancomunidade que poña fin a esta situación. As mobilizacións comezaron cunha concentración no mercadiño de Sabarís-Baiona e está previsto que se prolonguen durante este mes.
Este xoves acudirán ao Concello de Baiona ás 11:30 horas, mentres que pola tarde trasladaranse ao de Gondomar. Para o 16 de outubro teñen previsto concentrarse de novo no mercadiño a partir das 10:30 horas, e o día 25 farano no Concello de Nigrán ás 19:30 horas.