O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, recibiu ao veciño da vila e estudante de Ciencias Mariñas na Universidade de Vigo despois de que acadara o pasado mes de xuño o segundo posto na final da liga universitaria de eSports ‘OGSeries University’ celebrada no Polideportivo Antonio Magariños de Madrid.
Rodal animou a Javier Carrera, alcumado no equipo como ‘Gravity’, a continuar coa súa iniciativa ao fronte do equipo e a representar a Baiona. “É unha honra para a Vila que un dos nosos veciños alcance os maiores éxitos nun campo tan especializado como os videoxogos”, apuntou o rexedor.
Aos seus 20 anos e cursando terceiro curso de Ciencias Mariñas, Carrera foi o impulsor do equipo Thunders’ e logrou captar a varios estudantes da Universidade de Vigo para participar nas ligas nacionais.
Despois de varias rondas clasificatorias o equipo universitario foi subcampión de España de ‘League of Legends’ na final da liga universitaria de eSports –OGSeries University- celebrada no Polideportivo Antonio Magariños de Madrid. “Chegamos con moitas forzas tras vencer aos Stingrays de Valencia, pero tamén conscientes de que a batalla non ía ser doada. Pese a todo, estamos moi satisfeitos, xa que foi unha experiencia fantástica”, explica Javier Carrera.
Xunto a ‘Gravitiy’, o quinteto vigués está composto por Mario González, coñecido no universo virtual como ‘Yurneros’, que este curso rematou Enfermería; o estudante de Enxeñaría Informática Pablo González Peiboll; o alumno de Enxeñaría de Telecomunicación, Iago Pallares “Epsyle” e Pablo Vilaboa ‘Speiwalker’, que cursa Enxeñería Mecánica.