Os cambios técnicos suporán o reforzo da cuberta na parte de ataque do vento «onde azouta dunha forma extraordinaria» e que o pasado mes de febreiro provocou que se levantase o teito desa bancada e se tivese que suspender o Celta-Real Madrid de Liga.
Ademais, a modificación aprobada inclúe a substitución das redes de saneamento xeral e de abastecemento de auga existentes na grada, a unificación das canalizacións para redes de electricidade e telecomunicacións, a mellora do peche inferior da fachada para facelo homoxéneo coa grada de Tribuna, o reforzo da seguridade na protección contra incendios e raios na propia grada de Río e tamén nas contiguas de Marcador e Gol.
Malia todos estes cambios, o rexedor olívico asegurou que os prazos non sufrirán variacións. A obra en marcha, por valor de 5,5 millóns de euros, está financiada na súa totalidade polo Concello e a Deputación, polo que o alcalde demandou novamente financiamento da Xunta de Galicia que lle ten dedicado «cero euros» á renovación de Balaídos.