O sindicato detalla que os empregos eliminados en Infantil corresponden ao CEIP Chans-Bembrive, CEIP O Sello, CEIP San Salvador, CEIP Vicente Risco –todos eles de Vigo-, CEIP Pena de Francia –Mos-, CEIP Fermín Bouza Brey –Ponteareas-, CEIP Feliciano Barrera –Ponteareas- e CEIP de Santo Paio de Abaixo –Redondela-.
No caso de Primaria, os centros afectados polos recortes son o CEIP A Doblada, onde se suprimen dúas prazas, e o CEP Igrexa-Valadares, ambos na cidade olívica.
A CIG critica que a Consellería de Educación “siga adiante coa política de desmantelamento do ensino público, antepoñendo os criterios economicistas á calidade da educación”.
Todo isto, engaden, “especialmente no ensino infantil, na atención ás necesidades educativas específicas e que vai redundar na masificación das aulas debido ao incremento das rateos e a imposibilidade de realizar desdobres”.
Ademais, salientan que este anuncio se faga “en pleno verán”, algo que cren que xa forma parte “da práctica habitual do Goberno galego”.
Igualmente, advirten que as cifras de peche de aulas e de redución de prazas de mestres “non se ven para nada compensadas polo escaso incremento de postos de traballo” que tamén se inclúen na orde que actualiza os cadros de persoal dos colexios galegos.
Segundo din, “na realidade estes postos e aulas non van supoñer ningún incremento no total de persoal docente en activo, xa que se trata de postos que xa estaban operativos e que agora se oficializa no DOG a súa creación aos efectos de seren ofertados no próximo concurso de traslados”.
A esta nova hai que sumarlle o recorte de 31 postos de traballo realizado nos concellos de Outes, As Pontes, O Porriño e Ribadavia que se denunciou o pasado 18 de xullo. O sindicato alerta de que a estas cifras engádense ás de anos anteriores resultando que, en seis anos, Educación leva suprimidas 64 escolas e 437 unidades.