No transcurso das sondaxes arqueolóxicas documentouse un treito de cimentación da muralla que cercaba a urbe no século XVII, así como unha galería recuberta de cachotería posterior á muralla, aínda que de época histórica, da que se descoñece a súa función.
A caixa da escaleira mecánica, segundo o proxecto municipal, afectaría a boa parte da muralla e a galería, polo que a arqueóloga municipal, a arqueóloga directora da intervención e os enxeñeiros municipais acordaron dividir as escaleiras en dous treitos e modificar o trazado en planta coma única alternativa viable para manter o proxecto. Os técnicos municipais optaron así por primar a conservación da galería fronte á muralla, cun mellor estado de conservación.
Así as cousas, acordouse sacrificar uns oito metros da cimentación da muralla que deberán ser levantados con metodoloxía arqueolóxica e documentados mediante un rexistro rigoroso. A caixa da cimentación da muralla está escavada na rocha natural, de tal xeito que polo lado setentrional apoia na rocha e no meridional resulta un muro de contención. O seu estado de conservación, apuntan os técnicos municipais, é moi deficiente debido as sucesivas obras de instalacións e de urbanización.
A modificación do proxecto, proposta polo Concello de Vigo, traslada o segundo treito da escaleira mecánica cara o noroeste, co que evita en planta o trazo da galería, pero afecta ao treito inferior da cimentación da muralla nos devanditos oito metros. Nese treito a cimentación conserva soamente tres fiadas.
En resumo, a actuación descrita garante a conservación da galería na súa totalidade e do treito superior da cimentación da muralla, que quedaría sepultado e cuberto pola caixa da escaleira mecánica.
A resolución, asinada este mércores, recolle que o proxecto conta co informe favorable dos servizos técnicos de Patrimonio de Pontevedra. En consecuencia, permítese o levantado do treito de cimentación estritamente necesario para encaixar a escaleira mecánica.
A intervención deberá cumprir unha serie de condicionantes como o mencionado treito inferior da cimentación da muralla, afectado pola escaleira mecánica, que deberá ser levantado con metodoloxía arqueolóxica e documentado.
Ademais, deberá conservarse na súa integridade a galería subterránea histórica, establecéndose as medidas de seguridade e obras oportunas para que non se vexa afectada durante as obras. Tamén se deberá conservar, aínda que soterrado, o treito superior da cimentación da muralla. En canto o resto das obras, poderán continuar baixo control arqueolóxico.