“En ningún sitio de España tiven un recibimento como aquí”, sinalou De la Rosa nada máis poñer pé en terra e ser recibido polos edís. O aventureiro reiniciará a súa marcha esta tarde ata A Guarda para partir en dirección a Portugal a primeira hora deste sábado. O seu percorrido comezou o pasado 6 de xuño en Hondarribia e ten previsto completar a Volta a España en pouco máis de tres meses.
O seu paso pola costa lucense foi duro polo vento e mar co que se atopou, pero espera chegar a súa meta en Portbou (Cataluña) facendo unha media de 40 quilómetros ao día (3.500 quilómetros en total) e 88 etapas. Non é a primeira vez que Antonio de la Rosa visita Baiona, onde ten bos amigos do Club Wetsports-Baira, e de feito xa estivo na primeira edición do Campionato de España de PaddleSurf que se celebrou na Vila.
Pucelano de nacemento e madrileño de adopción, o aventureiro non leva embarcación de apoio e a única axuda que recibe é da súa compañeira, que fai o percorrido por terra. “As dúas primeiras semanas as fixen totalmente autónomo, durmindo en praias e con comida para varios días, e a partir de Suances teño un coche de apoio”, explicou.
Antonio de la Rosa converteuse en 2014 no gañador da proba francesa da travesía do Océano Atlántico a remo e en solitario Rames Guyane. Ese mesmo ano, percorreu con esquís de fondo o 1.700 km do percorrido da proba Iditarod en Alaska.
En 2015 uniu Madrid e Lisboa a través do río Texo en PaddleSurf e en 2016 percorreu parte da costa de Groenlandia con esta mesma modalidade.