Con participación do goberno de Vigo, dos grupos políticos e da sociedade viguesa, os participantes gardaron tres minutos de silencio en memoria de Miguel Ángel Blanco, despois dunha intervención do alcalde.
Un discurso no que Caballero recordou a memoria de político vasco e ampliou a homenaxe a todas as vítimas e familiares dos «asasinos de ETA», e á sociedade española «unánime e forte» que «alzou a súa voz».
«E hoxe, 12 de xullo, vinte anos despois volvemos saír á rúa para volver mostrar o noso respecto e o noso afecto por Miguel Ángel Blanco», afirmou Caballero, un «símbolo eterno da terra na que vivimos, da democracia que creamos. Hoxe Miguel Ángel é de todos e de todas as xentes boas», sinalou o rexedor.
O alcalde tamén fixo unha referencia as polémicas políticas xurdidas en torno ás homenaxes á figura do concelleiro do PP falecido. «aquí non hai política. Hai solidariedade, liberdade e recordo emocionado. O noso recordo emocionado a toda a súa familia. O noso recordo emocionado a todas as vítimas dos asasinatos de ETA, a todas, aos seus familiares. A nosa honra ao seu recordo. Pero tamén a nosa homenaxe a aquela sociedade que hai 20 anos gritou un basta xa», sentenciou Caballero.