O goberno vigués levou este mércores ao Pleno da Corporación a aprobación inicial da modificación da Ordenanza, que saíu adiante co apoio dos grupos do PSOE e Marea e a abstención do PP. Ábrese agora un prazo dun mes de exposición pública para presentar alegacións, que serán resoltas antes de volver a Pleno para a aprobación definitiva.
A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, explicou que o Concello conta con 5.000 sinaturas que respaldan a iniciativa municipal de designar praias ás que poidan acceder os cans tamén nos meses de verán, de xuño a setembro, ambos incluídos, datas nas que actualmente está prohibido.
Unha vez o cambio da normativa estea en vigor, o goberno de Vigo asignará os areais aptos para cans no verán, que terán que ser ratificados por outras administracións. Lago indicou que Costas establece requisitos a cumprir, como a non existencia de marisqueo no entorno da praia ou a posibilidade de empregar maquinaria para a súa limpeza.
O PP abstívose na votación e anunciou a presentación de emendas ao texto. O edil Diego Gago ve «necesaria» a actualización da norma mais «insuficiente» e solicitou acompañala de campañas de concienciación. Gago propuxo melloras na regulación, na identificación dos animais e na eliminación do sacrificio como opción, e puxo en dúbida que a modificación da ordenanza estea lista para este verán.
Chus Lago pechou o debate asegurando que si será posible ter a normativa modificada de cara a este verán e defendeu a mellora impulsada polo goberno de Vigo en materia de animais, ao ter duplicado o convenio coa Protectora, sumado un novo veterinario, sen sacrificar animais salvo por criterios profesionais e con preto de 4.000 gatos esterilizados para controlar a colonia urbana.
Toralla e Canto da Area
VIGOÉ xa adiantara o pasado mes de xullo que o Concello elixirá os areais de Toralla e Canto da Area. En 2013, o Concello puxo a proba a praia da illa viguesa para que os bañistas puidesen acudir coas súas mascotas, en horario restrinxido, de 8 da tarde a 8 da mañá, aínda que xerou algunhas protestas entre os veciños. Ao ano seguinte repetiuse a medida con idéntico resultado e en 2015 non houbo ningún areal dispoñible.
A praia de Toralla ten 200 metros de longo por 20 metros de ancho e está dividida en dous partes pola ponte que une a illa á terra. A cada un dos areais accédese mediante dúas ramplas.
Ademais de Toralla, o Concello avanzou que os propietarios de cans tamén poderán utilizar a praia coñecida como Canto da Area. Trátase dun areal situado na zona de Cabo Estai, na parroquia de San Miguel de Oia, xunto ás instalacións do Instituto Español de Oceanografía.
É unha zona pedregosa de difícil acceso con dúas franxas de area que a miúdo desaparecen pola forza do mar. Ten 98 metros de longo por 11 metros de ancho e está formada por cantos de tamaño medio e pequeno.
Segundo a época do ano poden aparecer zonas areosas. Toda a fronte do areal é de cantos e rochoso. Chégase a través do coñecido como Camiño da Pirucha (xunto ao campo de fútbol do San Miguel) ou Instituto Oceanográfico.