É a terceira oportunidade que o Amfiv organiza unha fase final das copas de Europa trala Willi Brinkmann de 2006 e a André Vergauwen de 2009, ambas entre Bouzas e As Travesas, aínda que será a primeira ocasión que Vigo reciba a Challenge Cup, a competición europea máis nova pois se creou en 2009. «É este un momento emocionante porque estamos presentando unha copa de Europa… e non será a derradeira», dixo o rexedor dirixíndose a José Antonio Beiro, presidente do Club Deportivo Amfiv, que o acompañaba na rolda de prensa xunto ao concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e directivos (Manuel Veiga, Carlos González e José Manuel Alvelo) e xogadores (Shelley Cronau, Santi Comesaña e Salvador Zavala) do equipo vigués.
Caballero agradeceu o visto bo da IWBF por aceptar Vigo como sede da fase final e felicitouse e felicitou ao Amfiv por «ser quen de ter unha competición desta envergadura; foi unha pelexa ardua conseguila», dixo. O alcalde afirmou que «somos felices porque está o Amfiv e imos tratar de gañar a copa; nunca hai límites para a ambición» e recoñeceu que «imos presenciar un excepcional evento deportivo» que terá entrada gratuíta.
Pola súa banda, Beiro asegurou que «o equipo vaina a pelexar e merecémonos gañar unha tras perder tres finais» (2006, 2008 e 2010). O dirixente vigués afirmou que «creemos que nos tocou o grupo doado, pero nos cruces esperará un conxunto alemán ou suízo, de ligas moi fortes, moi por enriba da liga española. Intentaremos polo menos chegar ás semifinais e logo soñaremos…», explicou.
Ademais, no encontro cos medios anunciouse que o Amfiv chegou a un acordo coa Hermandad de Donantes de Sangre, que será visible as tres xornadas de competición. «Queremos animar á xente a que doe sangue», apuntou.
O Amfiv clasificouse directamente como equipo anfitrión. Os sete rivais acceden a Vigo 2017 duns torneos previos disputados por concentración en marzo pasado. Vigo verá un total de 18 partidos en tres días (de venres a domingo) con entrada de balde grazas ao patrocinio do Concello.
A Challenge Cup mobilizará a medio cento de persoas para que a organización sexa perfecta. O Amfiv conta co apoio incondicional de numerosos voluntarios do Baloncesto Seis do Nadal.
O Amfiv, cos seus partidos na sede de Navia, empeza con Marsella ás 12:00 do venres 28, ese serán enfróntase ao Devedo holandés (18:15) e o sábado pola mañá medirase ao equipo londinense.
O mesmo sábado 29, ás 18:15 horas, xogaranse ao tempo as semifinais en Navia e en Bouzas (primeiro clasificado do grupo A contra o segundo do B; segundo do A contra o primeiro do B). O domingo pola mañá, en Navia, o terceiro e cuarto posto (10:00) e a final (12:15).