O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou este luns a recuperada Casa do Patín, en Bouzas, un «edificio singular de importancia histórica» na cidade, que será adicado para usos públicos: sede de colectivos cidadáns, un espazo de lectura, un salón de actos e unha oficina municipal.
O rexedor vigués recordou que o inmoble, hai cinco anos, era unha «ruina» pese a ser un dos edificios «máis importantes» da cidade e catalogado con protección integral. No mandato anterior, explicou, o goberno de Vigo acordou a súa expropiación, por importe lixeiramente superior ao medio millón de euros. No 2013 o Concello acometeu obras de urxencia para garantir a súa estabilidade, no 2014 aprobou o proxecto básico e de execución, licitou a obra por case medio millón de euros e adxudicouna en 385.000 euros.
Abel Caballero subliñou a «calidade» da reforma e o seu «extraordinario deseño» e felicitou a Carmela Silva, concelleira de Patrimonio Histórico, por levar adiante a rehabilitación. Trátase para o alcalde «dunha das mellores e máis importantes recuperacións que se fixo nunca na historia desta cidade».