Abel Caballero informou este martes do encontro mantido coa vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría e o Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro que se comprometeron a crear dous grupos de traballo coa Federación Española de Municipios de Provincias. O primeiro, abordará unha «demanda urxente» dos concellos españois: o teito de gasto. Nel estarán o Goberno, as Comunidades Autónomas, a FEMP e a AIREF.
O segundo grupo de traballo tratará o financiamento local e o investimento do superávit por parte dos municipios españois, que Caballero cifra nuns catro mil millóns de euros que as entidades locais queren dedicar «en favor da cidadanía». Para poder facelo é preciso contar cunha «lei que nos permita reinvestilo e financialo desde remanentes; é dicir non ter que subir impostos para ese financiamento». Unha lei que cualificou de «urxentísima porque estamos fóra de prazo para tramitala».
O presidente da FEMP destacou o compromiso adquirido polo goberno para resolver esta cuestión, a expensas da reunión do grupo de expertos en financiamento autonómico que cualificou de «grande avance», pero lembrou que «isto require unha plasmación legal e, sen ela, os concellos perderemos a posibilidade de investir o superávit». Así, engadiu que en Vigo o superávit roldará os 10 millóns de euros que «queremos usar na cidade en favor da cidade», ao igual que o resto de municipios «bos xestores» que queren dedicalos a programas de política social, de xeración de emprego ou humanizacións.