Un total de 71 pezas, compostas por materiais de diversa índole como barro, plastilina, papel reciclado, teas, cunchas, vidro, latas ou doces, concorreron ao concurso e, por tanto, compoñen a mostra. Este ano, o xurado que valorou as obras estivo integrado por Ramón Trigo Alonso, artista e ilustrador; Juana Amarelo Dourado, galerista de Dua2; Carlos López Bernárdez, crítico de arte, e Cristina Iglesias Pérez, coordinadora adxunta de Sedes da entidade e, actuando como secretaria, Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación.
O xurado decidiu conceder o primeiro premio da categoría individual ao centro de atención a persoas maiores Doral Residencias, o segundo premio a José María Macías Sánchez e Cristina Macías Cortiña.
O terceiro galardón dentro desta sección correspondeu a Aída Alonso Vázquez. Na categoría para colectivos integrados por menores de 16 anos o xurado decidiu outorgar o primeiro premio á Asociación de Iniciativa Social Berce; o segundo ao AMPA Nanette Primaria; e o terceiro ás Esclavas de la Virgen Dolorosa Crecente.
Ademais concedéronse 10 accésits, o número máximo que permiten as bases. Na presente edición, o xurado destacou o difícil labor de outorgar os premios, facendo constar a alta calidade de confección da totalidade das figuras presentadas.
Así mesmo, quixeron subliñar o esforzo dos premiados «pola composición, o traballo, a orixinalidade e a beleza do resultado», sendo os tres gañadores da categoría xeral nacementos «dunha espléndida factura e beleza compositiva sorprendente». Con respecto á categoría colectiva, subliñaron a calidade de composición e orixinalidade da totalidade dos premiados.