Na presentación dos traballos do Valedor, o alcalde de Vigo aplaudiu a «capacidade investigadora» do profesor Luis Espada, nesta ocasión sobre o cambio climático, a súa percepción e o papel das corporacións locais para reducilo, singularmente de Vigo. Son «dous grandes traballos de investigación» que xeran unha «gran expectativa de que sexa seguido en España», asegurou.
As publicacións dirixidas polo Valedor do Cidadán -que serán remitidas a todas as cidades de máis de 30.000 habitantes- empregan a metodoloxía estipulada por Europa para actualizar o inventario de emisións de gases de efecto invernadoiro da cidade de Vigo no 2012, ao tempo que propón liñas de actuación para reducilas.
As conclusións recollidas no libro «Contribución Local ao Cambio Climático Global: Aplicación ao municipio de Vigo» reflicten emisións de 6,9 toneladas de CO2 equivalente por vigués no ano de referencia, o que sitúa á cidade olívica nunha situación intermedia, cun nivel de emisións igual ao de urbes de poboación similar.
A metade da poboación mundial vive en cidades, recordou Luis Espada para explicar o enfoque local deste estudo. No libro se lanzan algunhas áreas nas que traballar desde os municipios para reducir as emisións, como poden ser o fomento do transporte público, o uso eficiente dos electrodomésticos, o alumeado público, a calefacción doméstica, o illamento térmico ou a redución de residuos, entre outros.
O segundo dos libros, «Percepción da Cidadanía Viguesa sobre o Cambio Climático», estuda a través de enquisas o potencial de ameaza percibido polos vigueses e viguesas, as actitudes e comportamentos individuais, a valoración das medidas que deben levar a cabo as institucións e a poboación para reducir as emisións e a súa responsabilidade nas solucións.
A este respecto, Espada expuxo que, sobre o cambio climático, a cidadanía viguesa «cre nun 80% que é un problema, que é un fenómeno provocado por causas humanas e que se lle concede menos importancia da que ten». O estudo «exhaustivo» distingue idades, profesión, situación xeográfica e sexo, e emprega tamén unha metodoloxía que permitirá comparar a información de Vigo coa doutras urbes españolas e europeas.