Carmela Silva asegurou que “este é un dos centros investigadores máis importantes de España e de Europa xa que as análises, as investigacións, estatísticas e todo o traballo que aquí se realiza é fundamental para o sector do mar”. Polo tanto, lembrou, “queremos que as pontevedresas e pontevedreses saiban que temos nesta provincia e na cidade de Vigo un centro de investigación punteiro” que “moitas veces non valoramos porque descoñecemos”, razón pola que a presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que “temos que sacar do anonimato todo aquilo que é motivo de orgullo como sociedade, e este centro é unha referencia mundial”.
En 2017, o Centro Oceanográfico de Vigo cumprirá cen anos “de achegas de coñecemento e innovación ao sector marítima”, sinalou Carmela Silva. A presidenta provincial engadiu que “vai ser un ano no que intentaremos que toda a xente da nosa contorna e de toda Galicia veña coñecer o que aquí se realiza” porque “creo que nos temos que sentir moi orgullosas e orgullosos de ter a grandes investigadoras e investigadores que permiten que melloremos en todo o que ten que ver coa actividade económica que xera o mar, como co mantemento do mar nas condicións nas que debe estar. Debemos respectar o mar porque é vida”, asegurou, “e máis en Vigo e na provincia de Pontevedra cando é tan importante para nós”.
Por iso, asegurou a presidenta, “imos colaborar co Centro e establecer vías de colaboración con el en todo aquilo que sexa posible”, dixo, posto que “as administracións públicas non poden vivir de costas ao coñecemento senón todo o contrario, para ter coñecementos de primeira persoa, para así poder tomar decisións que permitan pornos do lado de axentes como este Centro, de quen realmente mellora o mundo e que son moitas veces persoas descoñecidas e anónimas”. De feito, a Deputación de Pontevedra está a colaborar cos actos do centenario Centro Costeiro do Instituto Español de Oceanografía de Vigo en cuestións como asesoramento en redes sociais, deseño de logotipos, cartearía, merchandising e outras cuestións de comunicación e protocolo. A directora do centro, Victoria Besada, quixo agradecer a “xentileza” da Deputación de Pontevedra “pola súa colaboración con estes actos, que nos vai permitir poder chegar a un público máis grande a través de todas as actividades que imos levar a cabo o ano que vén”.
No Centro Costeiro do Instituto Español de Oceanografía de Vigo traballan arredor de cen investigadores e investigadoras divididas en tres áreas: pescarías, cultivos mariños e medio mariño. Foi o primeiro en contar cun buque oceanográfico para realizar as campañas científicas en augas afastadas, co que se realizaron estudos das poboacións de bacallau e fletán, ademais do primeiro centro en enviar persoal investigador á Antártida en 1986 (a primeira campaña de investigación española neste territorio).