O primeiro enfrontamento foi contra a representante de Polonia Maria Wajzer e a deportista residente en Moaña gañou con certa facilidade (5-1). En oitavos de final, Tania tiña como rival á representante de India, Khushboo Kumari, e tamén tivo un combate relativamente «sinxelo», ao acadar a vitoria por 6-1.
Xa en cuartos de final esperaba unha das favoritas para loitar polos postos de podio, a irani Zahra Pouresmaeil, campioa do mundo cadete en 2014. Castiñeira loitou ata o final. Os dous primeiros asaltos remataron con empate (0-0 e 1-1) e foi no terceiro no que a iraní concretou o seu triunfo. A representante de Irán logrou impactar no casco e poñerse 4-1 por diante. Tania loitou ata o final pero xa non puido remontar. Zahara Pouresmaeil acadou o título de campioa do mundo júnior.
Os outros tres galegos, sen sorte
Non houbo boas novas para os galegos no Campionato do Mundo Júnior de Canadá na xornada do sábado. Pilar Rodríguez (-63, Natural Sport Riveira) caeu na primeira rolda contra a representante de Irán, mentres que Gabriel García (-68, As Sport) e Adrián Pombo (-73, Natural Sport Riveira) perderon no segundo combate.
Pilar Rodríguez tiña unha rival moi dura no seu primeiro combate e a galega estaba disposta a loita ao máximo. E así foi. O combate rematou con empate (0-0) e tiveron que ser os árbitros os que tomaran a decisión, que foi a favor da iraní Javadi Kouchaksara que logrou a medalla de bronce no Mundial.
Gabriel García gañou con moita solvencia ao seu primeiro rival, Tseliso Masoenyane (de Lesotho). O resultado foi de 21-7 para o galego. E na segunda rolda esperaba o marroquí Achraf Mahboubi, que foi superior (17-2).
Adrián Pombo non tivera moita sorte no sorteo, xa que pola súa parte do cadro había grandísimos competidores. Comezou enfrontándose ao estadounidense Joshua Wilson, ao que superou no punto de ouro. E posteriormente tiña que loitar contra o turco Huseyin Hartal, contra o que caeu por 4-1.