En primeiro lugar, aludiu ás bonificacións fiscais do imposto de vehículos de tracción mecánica xa que os de menos de 125cc teñen un desconto do 90% -o máximo permitido por lei- polo que a cota é de 1,10 euros. Na ordenanza fiscal de 2016 aprobouse unha diminución dun 10% para as motos do resto de cilindradas e o ano que vén se aplicará outra rebaixa similar polo que nos dous últimos exercicios a fiscalidade das motos viuse reducida nun 20%. Estas bonificacións supuxeron nos últimos nove anos ás arcas municipais unha diminución de ingresos de 1,6 millóns.
Outras das medidas implementadas polo Concello foi a autorización para circular polo carril bus; habilitar dous carrís propios -nas rúas Venezuele e Areal-; once zonas adiantadas en semáforos ás que se poderían incorporar próximamente outras tres; a ampliación das zonas de aparcamento e a xeneralización do pintado de calzadas con material antideslizante, incluíndo as reixas de ventilación de túneles ou aparcamentos.
Detrás de todas estas accións, subxace, dixo o rexedor, a busca da seguridade na circulación e, neste senso, xa hai tres asociacións moteiras que declaran a Vigo como a cidade máis segura de España para motos. Estes colectivos son a Asociación Mutua Motera, a Plataforma Motera de Seguridade Viaria e Mundo Motero.