Apóianse proxectos realizados na provincia e destinados ao mantemento de servizos sociais, sociosanitarios e de xuventude, a través de intervencións que favorezan a inclusión social e laboral.
Así, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou este venres en rolda de prensa que concédense axudas a 152 entidades de 28 concellos: Bueu, Cangas, Crecente, A Estrada, O Grove, A Guarda, Lalín, Marín, Meis, Moaña, Moraña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
Dende a Deputación aumentouse este ano o orzamento para esta iniciativa en 200.000 euros con respecto a anos anteriores, buscando así ampliar a cobertura das axudas. Ademais, esta suba permitiu incrementar tamén a contía máxima subvencionable, que antes era de 6.000 euros e agora pasou a 10.000 euros.
DepoTermal
En xunta de goberno, a Deputación vén tamén de adxudicar as prazas do programa DepoTermal 2016. Un programa, con máis de 102.000 euros de orzamento, que ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores. Conta con dous programas: o de asistencia diaria a balnearios durante cinco mañás ou tardes consecutivas e o de pernoctación en réxime de pensión completa. En total, 4.286 persoas solicitaron praza en tempo e forma e foron admitidas en ambas modalidades. Por primeira vez na Deputación, este ano reserváronse 434 prazas para que persoas con dificultades económicas se poidan beneficiar deste programa.
Campo de fútbol de Meaño
A Deputación aprobou tamén a addenda ao convenio de colaboración co concello de Meaño para levar a cabo o campo de fútbol de céspede sintético. Trátase dun convenio que se asinara o 25 de xuño de 2015, por un importe de 438.447,36 euros.
Posteriormente, no curso do procedemento, detectouse que o convenio non contemplaba diversas unidades de obra necesarias, e polo tanto, foi necesario que o concello de Meaño achegase un novo proxecto.
Por tal motivo, agora foi necesario modificar o contido do convenio e incorporar unha addenda que inclúa os cambios necesarios para poder executar a obra, que terá un orzamento final de execución de 675.000 euros, cuxa diferenza entre o presuposto inicial e o final será asumida polo concello de Meaño.
Día da Xuventude
En rolda de prensa, a presidenta provincial subliñou ademais que, con motivo da celebración este venres, 12 de agosto, do Día Internacional da Xuventude por parte da ONU, por vez primeira a institución provincial conta cun servizo específico de xuventude”, a Deputación “súmase por vez primeira a esta iniciativa para promover unha xuventude participativa, comprometida coa sociedade e co benestar colectivo, coa educación, co emprego, coa saúde e co medio ambiente”.
Silva subliñou que “a diferenza do que acontecía co anterior goberno, que non tiña en conta á xuventude, este novo goberno da Deputación ten un servizo específico de xuventude, ó que destinamos 4,1 millóns de euros no 2016, porque consideramos prioritario centrarnos nas mozas e mozos da nosa provincia, en atender as súas necesidades, en intentar que teñan un futuro mellor”.
A presidenta provincial manifestou tamén a necesidade de “darlle visibilidade á xuventude, e por iso celebramos hoxe este día cunha campaña que ten por obxectivo fomentar a participación das mozas e mozos da provincia a través da realización de selfies e fotografías, con fondos e marcos específicos creados para a ocasión, que se van a divulgar en redes sociais”. En concreto, máis de 150 mozas e mozos participantes nas actividades de DepoRúarte da Deputación xa están a subir as imaxes cos hashtag #diadaxuventude, #deporuarte e #depoaventura.