Pablo González, nado no ano 1989 e alero de 1,96 metros de altura, comezou a xogar no San Narciso de Marín en categoría alevín de primeiro ano e alí formouse ata categoría cadete. En categoría júnior xogou co Marín Peixegalego, club no que, como xogador sénior, xogou na Liga EBA desde a tempada 2007/2008 ata a 2012/2013.
Sergio González, adestrador do novo equipo de Liga EBA, valora de Pablo González a «súa ampla experiencia na competición», categoría na que competiu a moi alto nivel co Marín Peixegalego. Pola súa banda, o club mostra a súa satisfacción pola incorporación de Pablo González e destaca que este alero apostou desde o primeiro momento polo proxecto deportivo que lle presentou a entidade viguesa.
Esta fichaxe súmase ás renovacións xa anunciadas de Cristian García, José Enrique Henríquez, Fernando Mouriño, Alexandre Pérez e Óscar García, polo que o Seis do Nadal empeza a perfilar xa a plantilla coa que contará nesta ilusionante tempada que ten por diante.