Cristian García, nado no ano 1993 e alero de 1,85 m., formouse como xogador de baloncesto no Eduardo Blanco Amor de Ourense desde a tempada 2000/2001 en categoría benxamín ata categoría sénior. Como xogador sénior competiu co Universitario Campus de Ourense ata o pasado curso, no que se incorporou ao Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia.
Desta forma, Cristian cumprirá a súa segunda tempada no club vigués despois de ser parte implicada do ascenso conseguido na Fase de Ascenso a Liga EBA disputada en Culleredo. O xogador non dubidou en confirmar a súa presenza no novo equipo de Liga EBA despois da experiencia vivida a tempada pasada e da súa rápida adaptación ao equipo e ao club.
Esta renovación súmase ás xa anunciadas de José Enrique Henríquez, Fernando Mouriño, Alexandre Pérez e Óscar García, polo que o club de Coia empeza a perfilar xa a plantilla coa que contará nesta ilusionante tempada que ten por diante.






















