A iniciativa desenvólvese en dúas farmacias de Vigo, Pérez Otero na rúa Manuel de Castro e Amaro Quireza na avenida de Gregorio Espino. En ambas, estas profesionais de enfermería, expertas no manexo de pacientes con patoloxía obstrutiva da vía aérea, ofrecerán información e resolverán as dúbidas dos pacientes respiratorios e os seus familiares ou coidadores en relación á asma e ao correcto uso dos dispositivos de inhalación máis utilizados: os cartuchos, as cámaras de inhalación ou os dispositivos de po seco.
O Servizo de Pneumoloxía da EOXI de Vigo, ademais das súas funcións asistenciais, docentes e investigadoras, está moi comprometido coa promoción da saúde respiratoria da poboación, colaborando con todas as iniciativas que melloren a atención, coñecemento e prevención das enfermidades broncopulmonares. Con este obxectivo, organiza diferentes actividades como xornadas de portas abertas, Aula Respira ou campañas de detección de EPOC e asma a nivel da comunidade.
A asma é unha das enfermidades respiratorias crónicas máis prevalentes, e Galicia é unha das comunidades autónomas de España onde esa prevaleza é máis acusada. A terapia inhalada é a recomendada para o tratamento da enfermidade, porque permite unha acción directa sobre o pulmón e de maneira practicamente inmediata.
Uso adecuado
“Con todo, non importa o bo que poida ser un fármaco se este non alcanza as vías respiratorias debido ao uso incorrecto do dispositivo inhalador, pois chegará menos medicación ao pulmón e, como como resultado, teremos a un paciente infratratado”, afirma o xefe do servizo de Pneumoloxía do Álvaro Cunqueiro, o doutor Alberto Fernández.
Os expertos coinciden en que a utilización dos inhaladores require dun ensino e control por parte do persoal sanitario no momento de prescribirse o dispositivo. Con todo, dado que a asma é unha enfermidade crónica, é habitual que, co tempo, os pacientes esquezan as instrucións e as habilidades para realizar correctamente a técnica de inhalación, por iso é importante realizar accións formativas e informativas de forma periódica.
Outro dos motivos para a realización da xornada con motivo do Día Mundial da Asma é concienciar ao paciente de que non debe abandonar nunca a medicación. E é que, a asma, a diferenza doutras patoloxías crónicas, ten fases de estabilidade nas que a persoa afectada non ten síntomas. O abandono da medicación nestes períodos pode levarlle a un empeoramento da enfermidade.